«É unha proba máis mental que física»

PACO GONZÁLEZ PRESIDENTE DOS TREKKERS

Destaca a beleza do noso entorno natural e a evolución dunha andaina que rompeu con tódolos moldes

González, en Ribeira, de onde sairá a 100 dos International Trekkers o vindeiro 22 de xuño. C. QUEIJEIRO

Paco González (Boiro, 1948) coñeceu o sendeirismo o día que cumpriu os 60. 11 anos despois exerce como cabeza visible da andaina más longa de Galicia, a 100 dos International Trekkers, que este ano partirá de Ribeira o próximo 22 de xuño cunha comitiva de 300 participantes.

—Por que naceu a proba?

—Naceu dun grupo de amigos que saiamos de ruta os fins de semana. Un día ocorréusenos organizar unha de 100 quilómetros. No 2012 fixémola só o grupo de xente que formamos os Trekkers. Pensamos que sería bo poñela en marcha, federarnos e saír cada ano dunha localidade da comarca. E agora, aquí estamos. Xa vamos pola sexta edición.

—Boiro, Rianxo, A Pobra, Noia, O Son e Ribeira. Como foi a evolución ata este ano?

—Na primeira edición chegamos ás 90 persoas, pero había moi poucas mulleres, cousa que cambiou, agora son sobre un 30 % do total. Fomos crecendo ano a ano, non pensamos que tanta xente se atrevería a facer 100 quilómetros. Puxemos o listón moi alto dende o inicio e baixalo é imposible, sempre quixemos dar unha cea quente e unha comida.

—Que fai que a xente se lance a por este reto?

—Non é por ambición, non é unha proba competitiva. O obxectivo é propio, saber que ti tamén podas acabala. O primeiro ano, cando rematamos, chorábamos coma magdalenas. É unha sensación que non cambias por nada. É unha proba dura, cruzas ríos, camiños de cabalos, baixas e sobes, vas por campo a través, entre toxos e silvas, pero a sensación ao rematala non a cambias nin aínda que che toque a lotería [ri] iso si, un premio pequeno.

—Leva moito traballo.

—En canto rematemos en Ribeira xa empezaremos a pensar na seguinte, que sairá de Lousame. Ano tras ano tes que cambiala. Nós repetimos moi pouco o percorrido, o 80 ou 90 % é novo.

—Cal é a parte que gustará máis?

—Hai moitas zonas, incluso a xente de aquí coñecerá cousas que non vira nunca. Teremos un inicio pola costa impresionante entre Ribeira e Rianxo, e logo tocará coroar o Iroite. Chegaremos arriba ás dúas, tres ou catro da mañá. Dende arriba ves as dúas rías, iluminadas, é unha pasada. Podes ir cansado que revives en canto o ves.

—E a máis dura?

—Será a subida á montaña, duns 24 quilómetros, pero tampouco é matadora. Pasaremos por núcleos rurais importantes, con muíños abandonados, ríos…

—Canta xente adoita abandonar?

—Pode ser un 10 % do total. Sabemos que os veteranos poden facela en 17 horas e o que máis entre 23 ou 23 e media.

—E ao chegar, a comer a Coroso.

—Faremos unha festa impresionante, da man de Arturo Fajardo, con produto da zona: mexillón, navalla, carne, empanada… O evento é impresionante, quedas convidado a vir.

—Apúntoa, pero non sei se darei feito cos 100 quilómetros.

—Se andas polo paseo de Coroso, catro ou cinco quilómetros ao día, é complicado. Hai que subir á montaña, hai camiños que non son de moita subida, pero si técnicos. Eu teño 71 anos e vou intentar facela. Despois hai un truco, non podes dubidar para qué a fas. Se empezas a pensar así non a rematas. Esta é unha proba máis mental que física.

—Coñece a comarca como a palma da man, con que se queda?

—Coa montaña, a veces pasas por un muíño e pensas como podía chegar a auga ata aí. Esta é unha serra despoboada de pinos, pero é un espectáculo ver o toxo en flor, as rochas, chegas a zonas que parecen unha alfombra. Sénteste como se viaxaras nun avión.

ÁLVARO SEVILLA / RIBEIRA / LA VOZ

En pdf