Xaíño Méndez: «Batemos o récord de inscritos cun total de 266 persoas»

O noiés abordou os principais aspectos da sexta edición, que contará co circuíto máis sinxelo de todos

FOTO: MARCOS CREO

Xaíño Méndez Froján (Noia, 1975) é un auténtico debuxante de odiseas, aínda que este ano decantouse por deixar o regreso a Ítaca un chisco máis sinxelo. Se hai algo de doado en percorrer 100 quilómetros nun máximo de 24 horas, claro. O director deportivo da maior ultra andaina de Galicia, a 100 dos International Trekkers, abordou os principais aspectos dunha edición con saída e meta en Ribeira.

-A que clase de circuíto terán que enfrontarse os nosos heroes nesta sexta edición?

-Como moitos saben, cada ano cambiamos o trazado para sorprender aos participantes. Sempre tentamos ter cousas novas e nesta ocasión contaremos co circuíto máis sinxelo da historia da proba. Os primeiros 42 quilómetros serán totalmente planos, tan só cunha subida de 500 metros ao Iroite. O percorrido é rápido e alcanzable para todos, de feito na organización realizámolo en tres horas menos que o do 2018.

-A que se debeu este cambio?

-O ano pasado, no último tramo botouse moita xente atrás, porque era moi psicolóxico. Con este circuíto non te comes a cabeza e ao final é moi agradable cando ves a chegada a Palmeira.

-Aínda así, a 100 segue a medrar con cada edición que pasa.

-Si, e neste ano tamén o fará. Batemos o récord de inscritos cun total de 266 persoas.

-Podería facernos un resumo dos puntos máis belos ou interesantes que atravesará a ultra andaina do Barbanza?

-Percorreremos toda a costa de Ribeira ao litoral de Rianxo, pasando por zonas repletas de sobreiras, carballos, loureiros e outras árbores autóctonas. A subida dende San Ramón e Moimenta á balconada do Iroite collerá á maioría co amencer e as primeiras horas do día, para observar a ría de Muros-Noia. De aí pasaremos cara A Graña, o curro pobrense, Moldes e a cima de San Alberto, en Ribeira. Tamén atravesaremos puntos culturais importantes, como o castro de Neixón en Boiro.

-Como estarán repartidos os puntos de avituallamento?

-Contaremos con 11 puntos de avituallamento e a cea terá lugar en Taragoña, no quilómetro 47, ao carón do polideportivo.

-A directiva introduciu algunha novidade como noutros anos?

-O noso compromiso co medio ambiente reforzouse, por iso este ano non haberá nin un só plástico. Como a organización non repartirá vasos, pedímoslle aos participantes que traian unha cantimplora. Trátase de algo polo que apostamos dende a primeira edición, como o emprego de pintura biodegradable e a retirada das marcas a medida que os equipos de recollida avanzan na ruta. Tamén contaremos con xeolocalización por GPS.

-Cales son os principais consellos para os participantes?

-O principal é entender que se trata dunha proba de larga duración. Hai que ir ao ritmo dun, sen saír ao tolo. Fan falla resistencia e cabeciña. Aínda que contemos con equipo médico, aconsellamos utilizar calzado e calcetíns axeitados, así como controlar a hidratación e non xantar moito para evitar problemas gástricos. Este ano temos moi boas sensacións, estamos convencidos de que sairá todo perfecto.

A. PARADA / RIBEIRA / LA VOZ

En pdf

Via: lavozdegalicia.es